Interesante charla con Damián López Pérez sobre a primeira peregrinación a Santiago.

Xaneiro 20, 2020

O Camiño Primitivo foi a primeira vía de peregrinación a Compostela.

O venres día 29 de novembro, atendendo a nosa petición, Damián López Pérez, no salón de actos da Asociación de Empresarios de Deza, falounos de Santiago o Maior e a primeira peregrinación. Na charla e coloquio puxo de manifesto a pureza que aínda conserva o Camiño Primitivo e destacou que este itinerario entre Oviedo e Santiago foi o primeiro Camiño de peregrinación a Compostela.

Na amena e ben documentada introdución histórica, Damián situounos no contexto no que se poroduciu o acontecemento denominado “inventio” que consistiu no achádego dos restos do apóstolo Santiago en Compostela. Este feito histórico tivo lugar sendo Teodomiro bispo de Iria Flavia e, aínda que se quixo situar polos cronistas no ano 813 para asocialo á figura de Carlo Magno, moitos autores sitúano arredor do ano 829.

A exposición centrouse tamén nas figuras do apóstolo Santiago o Maior, do bispo Teodomiro e do rei Alfonso II o Casto que foi o primeiro peregrino indo dende Oviedo cara Compostela para corroborar o achádego dos restos do apóstolo Santiago e mandando edificar a primeira iglesia nese lugar. Moi interesante foi tamén a contextualización na península ibérica do avance dos reinos cristiáns cara o sur e do retroceso dos musulmáns o que permitiu que se fora abrindo o paso dos peregrinos dende Europa cara a Santiago.

A continuación, Damián describiunos con fermosas fotografías o itinerario do Camiño Primitivo. Oviedo, Grado, Salas, Tineo, o desvío pola ruta de Hospitales e o paso por Pola de Allande, a subida ao alto de el Palo e chegada a Berducedo, a baixada pronunciada ata Grandas de Salime, a entrada en Galicia subindo o alto do Acebo e fin de etapa na Fonsagrada, e a continuación por O Cádavo, Lugo, Ponte Ferreira, Melide, Arzúa, O Pedrouzo e chegada a Santiago. A importancia de Oviedo na peregrinación queda clara no dito de “Quien va a Santiago y no al Salvador, visita al criado y no al Señor”.

Pin It on Pinterest